O BURRO NON BULÍA NIN CHISCO; tiña os ollos abertos, enfiados no chan, e polas trazas o burro cavilaba de firme, asolagado nas súas cavilacións. Eu enfiei os meus ollos no burro e tamén me puxen a cavilar, esquecido de mín mesmo; ensumíndome nos adentros da besta, e sen facerme cargo os meus pensamentos eran os do burro.
Os homes non queren ser burros; quixeran en troques seren leóns, tigres, lobos..., xustamente porque os homes son máis burros que leóns, que tigres, que lobos... por iso a verba "burro" é un alcume aldraxante para eles.
O meu lombo rexe con calquera home e socomasí os homes prefiren un cabalo, un elefante... calquera besta máis grande que eles, de modo que ninguén poida decir:"velahí van dous". Nonos aprecian, porque ollan en nós as virtudes dos homes de ben.
Somos amigos dos probes, amparo dos mendicantes; temos levado no lombo a Noso Señor e a San Francisco de Asís; pero no levamos ningún guerreiro.
A paz virá cando os homes todos queiran ser burros.
Chegaron a negarnos caletre porque andábamos pola veira dos camiños. ¡Parvos! Un burro pode morrer asesinado por un auto; pero un burro non cai debaixo dun auto, como caen os cans e as galiñas... Nós presentíamola chegada dos autos denantes de inventalos o demo do inferno.
Niste punto volvín en mín.